Tamara Canle e Sergio Campos deron a volta a 2020 e iniciaron unha aventura vitivinícola coa empresa Bicada, centrada en dar servizos a adegas. Falamos con eles para que nos acheguen a súa experiencia tanto ao longo da formación como do paso ao eido laboral.
Tras desenvolver a súa traxectoria no sector de servizos e hostaleiro completaron a formación teórica coa realización do ciclo de técnico superior en vitivinicultura 2018-2020 na Fundación Berlarmino Fernández Iglesias.
Unha formación que lles prepara para iniciar no mes de xullo un novo camiño laboral, nunha situación complexa marcada pola COVID19 pero que non foi impedimento para seguir adiante, dar os primeiros pasos e sumar resultados.
Así, ao longo destes meses xa desenvolveron o seu traballo coas adegas da zona da Ribeira Sacra, e agora, recentemente finalizada a colleita continúan co coidado das vides da adega.
Bicada é o resultado dunha formación e unha experiencia previa, que lles deu o curso da Fundación?
En primeiro lugar, o ciclo superior de Vitivinicultura deunos formación regrada neste campo, nós tiñamos experiencia, pero a través do curso ampliamos os coñecementos e descubrimos o porque de como se fan as cousas. En segundo lugar, deunos coñecemento do sector vitivinícola da Ribeira Sacra, pois dende o centro o profesorado sempre contextualizaba as súas explicacións na nosa contorna. Tamén realizamos visitas profesionais ás adegas da zona, as cales resultaron moi instrutivas.
Se teñen que falar con alguén que estea barallando realizar o curso, que consello lles daría?
O ciclo ofrece unha base de coñecemento do sector vitivinícola; é o primeiro dos piares, con esta base, unha persoa pode enfocarse a ámbitos profesionais diversos, tales como a vitivinicultura, a enoloxía (adega), o enoturismo, ou a sumillería… a quen lle guste o mundo do viño diríalle que é un bo curso a estudar.
Para alguén que estea valorando a realización de estudos en torno á vitivinicultura, cal sería o punto a destacar para que a Fundación sexa o centro polo que se decanten?
Un dos puntos fortes do centro de formación na Fundación Belarmino é contar cun bo campo de prácticas. O centro ten dúas hectáreas de viñedo onde realizar todas as prácticas necesarias durante o ciclo vital da vide.
O paso á práctica real foi moi grande ou máis ben un proceso natural facilitado por las ensinanzas do curso?
Foi mais ben un proceso natural. No primeiro ano do ciclo, adquirimos un viñedo, normalmente ó saír do centro iamos traballar nel.
Como xorde a idea de iniciar Bicada?
Durante a realización do curso fomos coñecendo todo o que nos gustaba a vitivinicultura e decidimos intentar vivir do que nos apaixona.
Que servizos ofrece Bicada?
Bicada ofrece todos os servizos que precisa unha viña, comezando pola análise da terra, plantacións, abonados, así como os propios do seu ciclo vital, a poda de inverno, a poda en verde, a aplicación de tratamentos…
Cales son os máis demandados polas empresas vitivinícolas?
Nós comezamos o noso percorrido no mes de xuño, co ciclo vitícola xa moi adiantado. Non cumprimos un ano para poder valorar ben os servizos que poden chegar a ser os máis demandados. Ao longo destes meses, realizamos tarefas de limpeza, poda en verde, vendima…
Como foi a acollida por parte das adegas á chegada de Bicada?
Tivemos unha acollida bastante positiva, é unha opinión compartida polas adegas que é necesario un servizo profesional no campo da viticultura na Ribeira Sacra. Para as adegas medianas e pequenos este servizo adecúase ben as súas necesidades.
Están centrados no traballo na Ribeira Sacra, pensan crecer a outras áreas da comunidade ou noutras rexións de España?
Non forma parte dos nosos obxectivos ampliar os nosos servizos a outras zonas vitícolas de Galiza. Queremos asentarnos e medrar nesta zona.
O viño está de moda desde fai anos, pero detrás das botellas de viño hai sacrificios que non se ven. Que é o máis complexo ante un viñedo ou colleita?
Detrás dunha botella de viño hai un proceso que abrangue moito tempo e traballos diversos. Neste proceso, temos dúas tarefas diferenciadas; a primeira, a obtención da materia prima, a viticultura; e a segunda, a elaboración, a enoloxía. Centrándonos na parte da viticultura a variable mais complexa é a meteoroloxía. Unha xeada ou unha sarabia poden botar a perder o traballo de todo o ano, sen que ti poidas facer nada. Outro gran problema que nos atopamos aquí, no tema da viticultura, son os animais (xabarís, raposos, corzos), cada vez máis esfameados, ven nas uvas un dos poucos alimentos ós que poder acceder. Hai viticultoras que neste momento están facendo plantacións de cereais só para o xabaril, para intentar desvialo e que vaia comer o trigo ou centeo e non vaia parar ás viñas. Este problema pode ter solución, pero require dunha colaboración entre a administración pública e as persoas viticultoras.
Postos a seguir mirando para o futuro, cal e o seu seguinte paso? O noso proxecto ten tres eixos, o primeiro deles é o dos servizos de viticultura, o segundo é a elaboración e comercialización de viño parcelario e o terceiro é a organización de cursos profesionais destinados as viticultoras e persoas interesadas no mundo do viño.