O fin de semana do 29 e 30 de maio tivo lugar o I Encontro de Mercados Baiona & Ribeira Sacra, no que se ofreceron produtos e actividades que entrelazaron a ambos territorios.
Na mañá do sábado, 29 de maio, tivo lugar un foro de turismo e gastronomía que foi moderado polo presentador Rafa Durán. Nel participaron o alcalde de Baiona, o presidente e a xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, o fundador de Icatú Spirits & Ecos da Pedra, un representante da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona e a directora do CPR Belarmino Fernández Iglesias, entre outros.
Na mesa redonda tratáronse as perspectivas e retos dos destinos turísticos, as claves para o novo escenario turístico propiciado pola pandemia mundial. Falouse tamén de turismo, gastronomía e cultura e de marketing e estratexias de difusión.
Ademais, o evento contou cunha cata de viños e un túnel do viño, nos que se puideron degustar os caldos de adegas como Casa Moreiras, Vía Romana, Regina Viarum, Adobe Rectoral de Gundivós, Marcelino I, Proencia, Condado Sequeiras, Viña Canceliño-Peón e A Moucha.
Unha grande variedade de produtores da Ribeira Sacra achegaron os seus produtos para que puideran ser degustados como o Mel do Castro, o queixos de Arias Muñiz e Touza Vella, as galletas de Galletas Daveiga ou Galletas Xiana, as bicas de Malena e os licores de Ecos da Pedra. Tamén se puido contemplar a olería da Ribeira Sacra da man da Alfarería Rectoral de Gundivós.
Todos estes produtores van ter un espazo na Praza de Abastos de Baiona durante todo o verán.