O vindeiro verán terá lugar en China a 44 reunión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, na que avaliará a candidatura da Ribeira Sacra, para valorar se este territorio galego ostentará a honra de pertencer a esta lista que cataloga, preserva e da a coñecer lugares de importancia excepcional, tanto natural como cultural, para a herdanza común da humanidade.
Coas súas magníficas paisaces, os seus lugares históricos, monasterios, excelente gastronomía e a singulariedade da viticultura heroica, este destino ten un valor universal excepcional. Dende a Fundación Belarmino Fernández Iglesias consideramos de gran relevancioa a súa candidatura, posto que a inclusión na lista suporía un gran empuxe a esta contorna natural que, en palabras de Luis Caramés, presidente, “preservou a súa autenticidade durante moito tempo, unha Galicia particularmente illada, insospeitada, fermosa e insólita”.
O apoio da fundación maniféstase na importancia que ten o pertencer a unha comunidades que salvagarda bens de importancia universal, o que permitiría á Ribeira Sacra beneficiarse dun prestixio internacional que reforzaría a súa protección, sensibilizaría ao público respecto a un ben de valor excepcional e facilitaría o acceso a fondos públicos. Así mesmo, ofrece a súa colaboración na perspectiva de preservar esta contorna situada nas provincias de Lugo e Ourense.
“É o deber das xeracións actuais e futuras preservar esta herdanza extraordinaria, polo que a súa declaración como Patrimonio da Humanidade sería unha grande oportunidade”, apunta Caramés. Unha oportunidade en termos de prestixio, protección e posta en valor dun ben público, o que supón un desafío patrimonial, social e humano.