A Consellería do Medio Rural convocou 3,65 millóns de euros para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas que se repartirán entre este ano e o 2022. Unhas axudas coas que apoia directamente ao sector e que teñen un gran significado para a Escola Belarmino Fernández Iglesias xa que impulsa aos profesionais formados nestas instalacións dando novas oportunidades de futuro. Algo que afecta directamente aos todo o alumnado de ensino regrado tanto en ciclos de formación profesional como ocupacional dos sectores vitivinícolas.
Estas achegas da administración autonómica estan destinadas ás empresas vitivinícolas, organizacións de produtores vitivinícolas, asociacións de dúas ou máis produtores e as organizacións interprofesionais. Tal e como informou a Xunta, serán subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto, así como a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de computador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.
Principais obxectivos
Os principais obxectivos desta convocatoria son, entre outros, os de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario e impulsar os procesos sostibles desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global, a utilización de enerxías renovables e a valorización e tratamento dos residuos.
Preténdese, así mesmo, fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagos de uva por calidade.
Finalmente, tamén se busca favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, o incremento da dimensión empresarial, a participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou o impulso dos investimentos en comercialización, entre outras cuestións. Unhas axudas para os profesionais do sector como os que se formaron e ségueno facendo no presente na Escola que atopan na vitivinicultura o seu ámbito laboral.