Os estudantes da Escola Belarmino Fernández Iglesias dos ciclos Superior de Vitivinicultura e Medio de Servizos de Restauración asistiron á xornada en liña de cata impartida por técnicos do Consello Regulador dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Unha clase que non so axuda na capacitación de coñecementos senón que ademais mostra a adaptación da Escola ás novas circunstancias derivadas da covid-19.
A enóloga e destiladora, Sonia Otero, foi a responsable da formación a 22 alumnas e alumnos do 1º e 2º cursos de ambos ciclos. Un encontro dividido en dúas fases, sendo a primeira de carácter técnico na que se deu a coñecer as funcións de control, verificación e promoción dos destilados por parte do Consello Regulador. Neste área a entidade é responsable de ratificar que os licores son 100% galegos e que responden ás exixencias sanitarias e organolépticas. Nesta fase formativa tamén lembrou cales son as Indicacións Xeográficas de Galicia: Oruxo, Augardente de Herbas, Licor de Herbas e de Café.
Fase práctica
Fase práctica
O alumnado reforzou os coñecementos cun apartado máis práctico a partir dunha cata comentada de produtos. Nesta segunda fase Sonia Otero indicou que en función dos licores a distinción da Indicación Xeográfica depende da variedade de uva empregada na elaboración; da permanencia nas distintas cubas; ou na cantidade de sucre empregado na elaboración ou o tipo de café.
Durante o encontro a relatora indicou a importancia de que os licores consumidos sempre conten coa etiqueta de Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia “xa que son os que ofrecen todas as garantías”, sinalou Otero durante o curso.
Con esta cata impartida polo Consello a formación do alumnado da Escola reforzase coas intervencións de profesionais do sector da hostalaría que lles permiten achegarse ás necesidades e exixencias laborais da mesma.