O alumnado dos ciclos formativos de Grao Medio de Cociña e Gastronomía, así como o de Servizos en restauración, realizaron unha cata cos catro queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.).
Os produtos lácteos de Arzúa. Ulloa; Cebreiro; Teto e San Simón da Costa foron presentados polos responsables dos consellos reguladores destes alimentos distinguidos coa D.O.P.
Mari Sei Mosteiro Zapata, da entidade do queixo de tetilla, e Óscar Pérez Ramil, de Arzúa Ulloa, mostraron ao estudantado a elaboración e características destes produtos. Ambos deron a coñecer a importancia posuír as etiquetas distintivas de D.O.P. ; Indicacións Xegráficas Protexidas (I.X. P) e Especialidade Tradicional Garantida (E. T. G.). Estes distintivos están orientados a protexer a orixe das materias primas, a elaboración e produción dos alimentos sinalando referentes as zonas de procedencia e historia.
Os receptores destas etiquetas adquiren o compromiso de manter a calidade do produto en estándares de calidade elevados. Ao longo da xornada todos os estudantes recibiron formación sobre como empregar estes catro queixos na elaboración de pratos. Do mesmo xeito tamén se traballou a presentación coa que debe chegar á sala para ser mostrado aos clientes.
Óscar Pérez respostou ás dúbidas que as alumnas e alumnos mostraron ante posibles intolerancias de clientes á lactosa. Neste caso distinguíronse as situacións nas que esta dificultade para dixerir o produto está provocado pola lactosa, galactosa ou como consecuencia a alerxia á proteína do leite.
Con esta nova xornada práctica a Escola de Hostalería Belarmino Fernández Iglesias continúa dando aos seus estudantes a máis completa formación traballando conxuntamente a actividade teórica coa práctica, da man de docentes e de profesionais do sector. Un labor 360 graos que dá a posibilidade de que os rexistrados en ciclos formativos cheguen cunha bagaxe a futuros postos de traballo no sector hostaleiro.