Ramón Villares
Luis Caramés, economista brillante e culto, pertencente á primeira promoción da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago, acaba de nos deixar de forma inesperada. El foi unha persoa inquieta e curiosa, de gran pericia profesional no campo da Facenda pública, aberto ao ancho mundo e dotado cunha grande capacidade de xestión en diversos campos. E, por riba de todo, era un cultivador impenitente de amizades e de relacións. Dentro das suas moi variadas actividades e proxeccións públicas, creo que hoxe debo lembrar a sua vinculación con Belarmino Fernández Iglesias e coa Fundación do mesmo nome que o empresario orixinario de Rosende asentou na sua parroquia natal, no pazo de Ribas.
A presidencia desta Fundación era a ocupación de Luis nos últimos tempos e nada podía ser máis acaido tanto para a institución como para as cualidades do seu actual presidente. Parece que a Fundación fose creada para que algún día estivese presidida e xestionada por unha persoa como Luis Caramés, non só pola sua condición de economista senón polos estreitos vinculos que foi tecendo tanto coa comarca da Ribeira Sacra como con Brasil e, moi especialmente, coa cidade de Sao Paulo.
Como economista do sector público e como cidadán galego conscente, mostrou desde hai moitos anos un grande interese polo mundo da emigración e polas figuras que, na Galicia americana, lograron erguer empresas -o que non é pouco- e ter preocupación pola cultura e por devolver a sua Terra parte dos seus éxitos. Belarmino Fernández Iglesias, coñecido sobre todo por ser dono da cadea de restaurantes Rubaiyat, pero tamén polo seu apoio a centros educativos na cidade paulista, foi un exemplo dese tipo de emigrante que, provisto dun dólar cando arribou ao porto de Santos, fundou un imperio económico e, logo, unha institución de cultura e de servizo aos seus paisanos.
Luis Caramés entrou moi cedo na rede de relacións con Belarmino e os empresarios galegos no exterior. Lembro a memorable sesión en que foi inaugurada a Escola e, desde logo, os encontros que organizou no pazo de Ribas, onde nunca faltaban empresarios brasileiros e galegos, porque a presenza periódica de Belarmino e da sua familia en Rosende era unha ocasión excelente para manter vivas as relacións entre a sociedade galega e a brasileira.
Pero a Fundación era algo máis que un pasatempo de indiano rico. Foi desde o principio un polo de referencia para toda a comarca e unha antena de Brasil en Galicia. A incorporación de Luis Caramés á sua xestión abriu moitas esperanzas, que xa estaban a se converter en realidades fecundas, promovendo unha grande presenza pública da Fundación na sociedade galega ou a través de alianzas con outras institucións, como a portuguesa Fundaçâo Casa de Mateus, en Vila Real.
A Fundación Belarmino Fernández Iglesias seguirá viva, contando con dous referentes imprescindibles: a do seu fundador e a do actual presidente executivo, Luis Caramés, cuxa morte está a ser tan sentida na sociedade galega. Hoxe é un dia de loito para a Ribeira Sacra e para a Galicia de ambos mares, pois nela está incluída tamén a emigración americana.