O presidente da Fundación Belarmino Fernández Iglesias, Luis Caramés Viéitez (Cercedo, 1949), faleceu onte, domingo 6 de xuño, no hospital de Lugo aos 72 anos de idade vítima dun ictus. Caramés non superou o derrame cerebral masivo que sufrira repentinamente o pasado venres cando asistía a un acto no que participaba a Fundación Belarmino Fernández Iglesias.
Luis Caramés foi decano da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de Facenda Pública. Exerceu a docencia universitaria durante 35 anos e das súas aulas saíron xeracións de economistas aos que inculcou unha visión europeísta e un concepto moderno e emprendedor de Galicia. Estaba considerado como un dos decanos da USC máis influentes dos últimos tempos. Caramés era discípulo de Enrique Fuentes Quintana, o gran reformador do sistema financeiro español a través dos Pactos da Moncloa, e converteuse nunha figura de influencia nos distintos gobernos autonómicos de Galicia na democracia. Tamén destacou polo seu traballo como experto a nivel internacional, colaborando con universidades e diferentes entidades en latinoamérica.
Compartiu amizade con Belarmino Fernández Iglesias, con quen mantivo unha estreita relación e a quen arroupou nos primeiros pasos da entidade. Desde a morte de Belarmino Fernández, Luis Caramés ocupou o cargo de presidente, desde o que traballou para dar continuidade ao legado e a visión do fundador. Nos últimos meses Luis Caramés traballaba no desenvolvemento dunha estratexia que impulsase á Fundación como un centro referente na Ribeira Sacra, tanto como un centro avanzado de formación profesional en hostalería e enoloxía como un espazo dinamizador da vida económica, social, cultural e do coñecemento.
Precisamente, aproveitando a recta final do curso, Caramés estaba a poñer en marcha proxectos encamiñados a fortalecer o peso da Fundación e o desenvolvemento de actividades académicas, levando a cabo contactos con autoridades, realizando visitas institucionais ao Pazo de Ribas, en Sober (Lugo), sede da Fundación, e mantendo unha estreita colaboración co Concello de Sober, patrono da entidade.
Caramés Viéitez foi, entre outros, presidente do Consello Galego de Relacións Laborais; membro da Academia de Ciencias Morais e Políticas e da Real Academia Galega de Ciencias; conselleiro da compañía Sacyr; patrón da Fundación Araguaney e vicepresidente de Adolfo Domínguez, unha das firmas máis internacionais de Galicia. Tamén era asesor do Consello Xeral de Economistas de España, onde presentaba recentemente “Os municipios en tempos de Covid”, un dos seus últimos traballos, con Amelia Díaz, profesora da Universidade de Barcelona.
Tamén destacou polo seu interese pola divulgación, participando en diferentes congresos e foros, publicando artigos en numerosos medios de comunicación e colaborando con numerosas entidades. Foi o impulsor do Grupo Colmeiro, un foro de análise e debate que aglutina a expertos de distintas disciplinas aliñados coa procura dos mellores camiños para o desenvolvemento de Galicia e da sociedade en xeral.
A perda causou unha profunda dor no seo da Fundación, así como no ámbito académico universitario. Desde a Fundación Belarmino Fernández Iglesias lamentamos a súa irreparable perda e trasladamos as nosas condolencias á familia e amigos de Luis Caramés Viéitez, co compromiso de seguir traballando para que o seu legado continúe sendo un referente.